Augas de Galicia presiona o Goberno para desbloquear o proxecto do novo emisario submarino de Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2021

Este organismo autonómico lamenta o atraso que a Dirección Xeral de Costas está a provocar a numerosos proxectos de saneamento e depuración ao longo de toda a costa galega

Estación depuradora dos Praceres (EDAR)
Estación depuradora dos Praceres (EDAR) / Marea Pontevedra

A Xunta solicitou a colaboración á Delegación de Goberno para axilizar a tramitación de proxectos autonómicos para a mellora do saneamento e depuración en lugares como Pontevedra, Foz, Burela ou Pontedeume.

A directora de Augas de Galicia contactou co delegado Javier Losada para informalo sobre as demoras nos trámites da Dirección Xeral de Costas que están a aprazar o impulso de actuacións que a Xunta considera "estratéxicas".

Aínda que o saneamento e depuración de augas son competencias municipais, a Xunta colabora cos concellos para ofrecer estes servizos dun modo máis eficiente. Neste sentido, desde o executivo de Feijoo fan fincapé na preocupación sobre o proxecto relativo á aglomeración de Pontevedra, Poio e Marín debido a que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten sentenciado contra o Goberno de España por incumprir a directiva 91/271.

O contrato para executar a construción dun novo emisario submarino están adxudicadas desde hai meses, pero o inicio das obras está pendente de conseguir a concesión de ocupación dos terreos por parte de Costas. 

Desde Augas de Galicia levan á espera dese permiso desde maio do 2018. Desde entón o organismo respondeu a numerosos requirimentos de documentación adicional.

O último escrito desde a Xunta foi emitido en xaneiro do 2021, co que entende que se dá resposta a todos os requisitos formulados.