A Xunta garante aos traballadores a continuidade do casino da Toxa

O Salnés
17 de setembro 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuníase este xoves cos membros do comité de empresa do casino da Toxa, aos que garantiu que a apertura da sala adicional do casino da Toxa en Vigo implica que se seguirá mantendo aberta a sede matriz do local, situada no concello do Grove

Reunión do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, cos membros do comité de empresa do casino da Toxa Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuníase na mañá deste xoves cos representantes dos traballadores do casino da Toxa, aos que garantiu a continuidade da actividade no concello do Grove.

No encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a Xunta garantiu aos traballadores que a apertura da sala adicional do casino da Toxa en Vigo implica que se seguirá mantendo aberta a sede matriz do local, situada no concello do Grove.

Este é un aspecto que se contemplará na futura Lei do Xogo, para a que a Xunta contará coas opinións e achegas dos traballadores do sector. Así llo trasladaba Alfonso Rueda aos membros do comité de empresa do casino da Toxa. Así mesmo, manifestáballes que o novo texto lexislativo, que permitirá actualizar a anterior lei aprobada en 1985, será elaborado tratando de acadar o máximo consenso con todos os sectores do xogo.

A Xunta impulsou unha modificación normativa na Lei de Xogo de tal xeito que se permitiría aos casinos actuais instalar unha sala adicional fóra do recinto actual e na mesma provincia, tal e como é o caso da nova sala do casino da Toxa en Vigo.

En todo caso, a condición requirida para que esa segunda sala poida entrar en funcionamento é que a sede matriz manteña a súa actividade.