O Diario Oficial de Galicia (DOG ) publica este xoves a convocatoria da liña xenérica de axudas, a dirixida a persoas traballadoras autónomas e microempresas, do 2º Plan de Rescate co que a Xunta quere acompañar aos empresarios nesta nova fase da pandemia.
A orde de axudas dirixida especificamente aos establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas medidas sanitarias desde xaneiro -como ximnasios ou parques infantís-, publicarase no DOG o próximo luns.
Ante esta convocatoria, os delegados territoriais da Xunta de Galicia en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández-Tapias, mantiveron este xoves un encontro telemático informativo con preto dun cento de asociacións de toda a provincia, entre as que figuraban as pontevedresas CCU Zona Monumental, Estrela de Marín, APE ou AJE Pontevedra, entre outras, e decenas de particulares aos que se animou a que concorreran a estas novas axudas.
O novo plan sae con menos requisitos e máis apoios económicos para chegar a máis empresarios.
Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.