A delegación territorial da Xunta en Pontevedra iniciou este martes a repartición urxente de material de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais de todos os concellos da provincia. En total despregáronse 3.122 máscaras e 17.689 pares de luvas entre os 33 municipios pontevedreses.
Os centros educativos dependentes do goberno autonómico tamén poñen ao dispor dos servizos de emerxencia todo o material que poida resultar útil para a loita contra o coronavirus.
Desde o posto de mando avanzado da delegación territorial encárganse de centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta conun formulario na súa páxina web para recoller esa información. Ademais actúa como punto de información para os gobernos locais.
Este organismo está a canalizar tamén a través do 112 as ofertas de doazón do material que se reciben nas delegacións, así como a distribución do mesmo aos concellos ou grupos de emerxencias supramunicipais.