A delegación territorial da Xunta en Pontevedra conta desde este mércores con dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono, dentro das medidas adoptadas polo goberno galego para loitar contra o coronavirus.
Este equipamento comezou a funcionar esta mesma mañá e prestará servizo aos coches da administración e da Policía Autonómica, así como os de Protección Civil e da Policía Local dos 47 concellos dependentes da delegación de Pontevedra.
A Xunta está a canalizar a repartición de material a través das súas delegacións territoriais. No caso da área de Pontevedra, enviou máis de 150.000 unidades de material de protección aos concellos dependentes da mesma.
En total, foron 97.580 luvas, 48.404 máscaras, 439 botes de xel hidroalcohólico, 2.869 traxes antisalpicaduras, 980 batas, 17 garrafas de desinfectante e 392 unidades de lixivia. No reparto, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que dispoñen de menos recursos.
No caso do concello de Pontevedra, a Xunta informa que xa recibiu nas últimas horas un segundo envío, o que supón unha entrega total de case 22.900 unidades de material de protección.
O material enviado aos concellos está sendo destinado, principalmente, no servizo de axuda no fogar, en Protección Civil e na Policía Local, así como outros servizos municipais esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios.