A Xunta inicia a segunda fase das obras na estrada PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso

Ponte Caldelas
16 de setembro 2019

Esta actuación define a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un ancho de 7 metros, e pequenas rectificacións de trazado. Ademais executaranse cunetas tendidas de seguridade nos tramos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada

Cores Tourís e Andrés Díaz no inicio das obras
Cores Tourís e Andrés Díaz no inicio das obras / Concello de Ponte Caldelas

A Xunta iniciou este luns a segunda fase de mellora da estrada autonómica PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá case 600.000 euros, sumando as expropiacións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz comprobaron este luns o inicio desta intervención que persegue mellorar a seguridade vial e a calidade de vida da cidadanía, cun importante efecto positivo sobre o medio socio-económico e humano.

O proxecto prevé a actuación no tramo de 2,16 quilómetros, desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso.

Esta actuación define a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un ancho de 7 metros, e pequenas rectificacións de trazado. Ademais executaranse cunetas tendidas de seguridade nos tramos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada.

O alcalde deixou claro que dende o concello agardaban "unha obra máis ambiciosa". Neste senso Andrés Díaz lembrou que solicitaron xa no seu momento e tamén na actualidade unha senda peonil e ciclista que una Ponte Caldelas e Laxoso como se está a facer en Cotobade tendo en conta que "estas sendas non suporían ningún coste engadido".

A licitación desta intervención ascendeu a preto de 600.000 euros, tendo en conta a IVE e o pago das expropiación das 74 fincas necesarias para esta actuación. 

Co obxectivo de "avanzar no proxecto" de mellora da seguridade viaria da estrada PO-234 que conecta Ponte Caldelas e Augasantas, nos Concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, a Xunta dividiu en 3 fases.

Deste xeito iniciou os traballos no tramo situado en Cerdedo-Cotobade, entre Augasantas e Portasouto, que xa está a disposición dos veciños desde este verán. As obras comezaron nesta parte da estrada autonómica "porque o Concello de Cerdedo-Cotobade puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios para a execución das mesmas, e non foi necesario tramitar o proceso expropiatorio".

A diferencia desta anterior fase, no caso de Ponte Caldelas, foi necesario levar o trámite expropiatorio ao Consello da Xunta, ao non dispor o concello dos terreos necesarios para acometer esta actuación. "O concello segue sen abonar os cartos acordados a través dun convenio para facer fronte a estas expropiacións, que roldaban os 40.000 euros", explicou Cores Tourís, quen matizou que "agora o alcalde pídenos unha senda peonil e ciclista, que non solicitou cando se deseñou o proxecto e que suporía máis expropiacións".

En relación ao convenio coa Xunta de Galicia, Andrés Díaz, ten claro que a súa proposta segue en pé, "o que pedimos por escrito é o convenio que a conselleira dixo que se asinara en Cotobade, e unha vez que contemos con dito convenio, pagaremos as expropiacións sen ningún problema, a seguridade dos nosos veciños está por enriba de todo".

O Goberno Local felicita expresamente á veciñanza de Ponte Caldelas e Cotobade que "leva loitando máis dunha década, mesmo con dúas mobilizacións na rúa, por esta obra prometida unha e outra vez pola Xunta de Galicia, prometida especialmente en contexto electoral, e que, agora, por fin, xa se iniciou".

"Estamos xa a traballar na terceira fase deste proxecto", engadiu Cores Tourís, que suporá a execución da mellora do tramo entre Laxoso-Portasouto ao longo de 1,5 quilómetros. "Deste xeito, acadaremos o acondicionamento completo desta estrada autonómica, amosando así a firme aposta da Xunta de Galicia por reforzar a seguridade viaria e por mellorar a mobilidade dos veciños de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade e dar resposta ao que demandan os cidadáns", rematou o delegado territorial.

Dende o concello agardan que licite a terceira fase "da maneira máis rápida e áxil posible". O Goberno Local tamén solicitan a construción dunha beirarrúa de pedra (ao igual que se fixo en Cotobade coa obra xa en execución e sen ningún coste engadido) ata o casco urbano co fin de mellorar a seguridade na zona.