O proxecto de mellora da estrada PO-234 está dividido en tres fases e as dúas primeiras xa están moi encamiñadas. Así o deron a coñecer o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que compareceron para anunciar que este luns sae a información pública a efectos expropiatorios o proxecto relativo ao tramo entre Ponte Caldelas e Laxoso.
Francisco Menéndez explicou que esta é a segunda fase do proxecto, na que, despois de que o Concello de Ponte Caldelas fora incapaz de expropiar as 64 leiras afectadas e poñelas a disposición da Xunta, a administración autonómica asumiu o compromiso de conseguir os terreos. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns do anuncio da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da información pública dase por iniciado ese proceso expropiatorio.
Trátase dun tramo de 2,16 quilometros entre a travesía de Ponte Caldelas e Laxoso no que se calcula que as expropiacións ascenderán a 40.000 euros, que achega o Concello a cambio de que a Xunta realizara a expropiación. O total do proxecto ten un orzamento de 648.000 euros. Este luns no DOG también se publicou a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.
A primeira fase do proxecto afecta a un tramo de 2,7 quilómetros entre Portasouto e Augasantas, no Concello de Cerdedo-Cotobade. Menéndez anunciou que xa está licitado e están celebrándose as mesas administrativas para a adxudicación da obra.
Este proxecto da PO-234 suporá anchear a vía, mellorar interseccións, executar gabias de seguridade e executar unha senda peonil que garanta aos veciños que se desprazan a pé unha mobilidade máis segura no núcleo de Augasantas. Falta unha terceira fase, que unirá as dúas primeiras, pero aínda non hai datas.
A previsión da Xunta é empezar as obras da primeira fase no mes de outubro para que a mediados do ano 2018 estea rematada e que en outubro xa poida empezar a licitarse a segunda. Despois chegará a terceira, que afecta a un tramo de 1,5 quilómetros.