A Xunta investirá arredor de 3,5 millóns na ampliación do instituto Aquis Celenis

Umia
12 de abril 2022

Engadirase un andar máis ao edificio existente, dotado de aulas polivalentes, de música e debuxo, así como zona ‘maker’, ximnasio e vestiarios, entre outros

Sinatura do convenio para a ampliación do instituto Aquis Celenis
Sinatura do convenio para a ampliación do instituto Aquis Celenis / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asinaron este martes o convenio de colaboración para acometer a ampliación do instituto IES Aquis Celenis. 

A Xunta de Galicia investirá arredor de 3,5 millóns de euros nesta actuación, que, tal e como sinalou o conselleiro, ten por obxectivo dar resposta á crecente demanda de prazas neste centro.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que esta obra vai supoñer unha importante mellora para comunidade educativa deste instituto, que contará con espazos renovados e máis amplos, axustados ás novas necesidades.

O instituto ten actualmente dúas aulas por cada curso de ESO e tres por cada curso de Bacharelato, que suman un total de 377 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos dispoñibles, incluídos departamentos e salas de profesores. A ampliación prevé a construción dun andar a maiores no edificio existente, cunha superficie total construída de 2.372 metros cadrados.

O novo espazo estará dotado de aulas polivalentes para as dúas etapas, aulas de música e debuxo e zona maker. Así mesmo, haberá unha zona para o uso docente, aseos, ximnasio e vestiarios.

Tal e como explicou o conselleiro, unha vez asinado o convenio encargarase a redacción do proxecto, para o que os orzamentos deste 2022 xa recollen unha partida de 50.000 euros. Desta forma, as obras poderían iniciarse ao longo do ano 2023.

Pola súa banda, o Concello de Caldas de Reis comprométese a obter os terreos lindeiros ao instituto para a dotación dun aparcamento, a outorgar as licenzas de edificación necesarias e a reurbanizar as entradas e o aparcadoiro con acceso rodado ao instituto e ao Centro Público Integrado Alfonso VII. Así mesmo, colaborará coa Xunta na disposición dos espazos para reubicar ao alumnado durante a execución das obras, no caso de que sexa necesario.

CRÍTICAS DO BNG

Pola súa banda, o BNG denuncia que Xunta e Concello renuncian a implantar a FP no IES Aquis Celenis de Caldas. O voceiro nacionalista, Manuel Fariña dixo que "o alcalde e a Xunta terán que explicar por que lle negan a Formación Profesional ás mozas e mozos de Caldas"

Afirma o Bloque que a ampliación do IES Aquis Celenis non responde en absoluto ás demandas da comunidade educativa e da veciñanza caldense, pois non contempla en ningún caso a implantación dos Ciclos Formativos de FP que establezan novas opcións de futuro para os mozos da comarca.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora