A Xunta marcará sobre o terreo en Raxó as futuras beirarrúas da PO-308

Poio
17 de setembro 2015

Nas próximas semanas os técnicos procederan a marcar sobre o terreo con estacas toda a zona delimitando o ámbito que acollerán as beirarrúas proxectadas

Accidente acontecido na PO-308 en Raxó
Accidente acontecido na PO-308 en Raxó / PontevedraViva

Este xoves celebrouse unha reunión entre os representantes municipais de Poio e da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para avanzar na mellora da seguridade da PO-308.

Neste encontro, cualificado como "cordial e produtivo", asistiu o alcalde Luciano Sobral e o portavoz do grupo municipal do PP, Ángel Moldes, así como o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez.  

Na xuntanza acordouse un plan de traballo unha vez que se decidiu o tramo no que se vai a actuar correspondente á parroquia Raxó desde a Avenida da Toxa, ata o límite co municipio de Sanxenxo.

Os técnicos da consellería mostraron os planos cos terreos de titularidade autonómica e outros que son de particulares cos que haberá que negociar.

Nas próximas semanas os técnicos procederan a marcar sobre o terreo con estacas toda a zona delimitando o ámbito que acollerán as beirarrúas proxectadas.

Este estaquillado ten un carácter informativo para que os veciños e os propietarios dos terreos privados que se vexan afectados teñan coñecemento da acción que se vai levar a cabo.

Na mesma reunión abordouse a construción dunha serie de pasos de peóns que de forma unánime foron solicitados polo Pleno da Corporación de Poio.

Cando os técnicos acudan para o estaquillado das futuras beirarrúas de Raxó tamén se achegarán ata outros puntos como Combarro, onde se pediu un paso de peóns.