Construirán unha senda peonil e ciclista de case tres quilómetros no ámbito da Lanzada

Sanxenxo
19 de novembro 2015

Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada. O principal obxecto da actuación é a execución dunha senda para uso peonil e ciclista ao longo da estrada autonómica, na contorna da praia da Lanzada

Peóns cruzando a calzada na zona das Salinas, na Lanzada
Peóns cruzando a calzada na zona das Salinas, na Lanzada / Concello de Sanxenxo

Máis de 3,4 millóns de euros. É a contía do crédito que habilitou o Consello da Xunta para acometer as obras dunha senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra - A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo concello de Sanxenxo.

O propósito fundamental da actuación é a mellora da seguridade viaria e da mobilidade dos peóns e ciclistas desta vía, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia.

Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada.

O principal obxecto da actuación é a execución dunha senda para uso peonil e ciclista ao longo da estrada autonómica, na contorna da praia da Lanzada.

A infraestrutura proxectada ten como finalidade mellorar a seguridade viaria dos seus usuarios, en especial, dos numerosos peóns que camiñan polas súas marxes, principalmente na época estival.

A actuación complétase coa mellora de interseccións existentes, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; a construción dunha glorieta na zona da praia de Portomouro e a dotación de zonas de aparcadoiro.

Ademais melloraranse a sinalización, a drenaxe e a capa de rodaxe no treito obxecto do proxecto.