A Xunta licita as obras da senda peonil e ciclista na estrada PO-308

Sanxenxo
07 de decembro 2015

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a licitación das obras da senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra- A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo concello de Sanxenxo, por un valor de preto de 3,2 millóns de euros

Un ciclista e un garda civil
Un ciclista e un garda civil

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a licitación das obras da senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra- A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo concello de Sanxenxo, por un valor de preto de 3,2 millóns de euros.

Estas obras contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Coa publicación do anuncio da licitación no DOG ábrese un período de 26 días naturais a partir de mañá para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na execución das obras, polo que o prazo remata o día 2 de xaneiro.

O propósito fundamental da actuación é o de fomentar un tránsito peonil e ciclista nesta estrada, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia.

Posibilitarase o acceso mediante estas alternativas de mobilidade sostible a praias como A Lanzada, ao espazo natural do complexo intermareal Umia – O Grove ou ao xacemento arqueolóxico de A Lanzada, nas condicións axeitadas de seguridade viaria.

Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada.

Nese treito executarase unha senda para uso peonil e ciclista de mellora da seguridade viaria para compatibilizar o tráfico rodado co peonil e o ciclista. Actuarase en especial nas interseccións, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; construíndose unha glorieta na zona da praia de Portomouro; e habilitando e ordenando zonas de aparcadoiro.