A Xunta mellorará a seguridade do polígono de Trabanca Badiña

O Salnés
26 de febreiro 2022

A Xunta de Galicia traballará para modernizar e mellorar a seguridade do polígono industrial de Trabanca Badiña, no Concello de Vilagarcía.A obra contará cunha achega conxunta de máis de 24.000 euros  

Visita o polígono industrial de Trabanca Badiña, en Vilagarcía Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia traballará para modernizar e mellorar a seguridade do polígono industrial de Trabanca Badiña, no Concello de Vilagarcía.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este sábado esta dobre actuación acompañado pola deputada Elena Suárez e os concelleiros Lino Mouriño, José María González, Matilde Laya e Ana Granja.

Durante a visita, o representante autonómico informou que as axudas para a habilitación e mellora dos parques empresariais (3,25 millóns de euros) e creación de viveiros de empresas (1,5 millóns de euros para os exercicios 2022 e 2023) estarán abertas ata o vindeiro luns 28, mentres que a orde para extensión das redes de distribución eléctrica dos polígonos (3,6 millóns de euros tamén con carácter bianual) prolongarase ata o 26 de maio.

En canto ás actuacións realizadas no parque arousán de Trabanca Badiña, que contará cunha achega conxunta de máis de 24.000 euros, están: a reordenación viaria, que reduciu a circulación a un só carril coa conseguinte ampliación do espazo de aparcamento e a habilitación de máis zonas de carga e descarga para favorecer a actividade propia das industrias, e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical nos seus 1.140 metros lineais de vías. Así mesmo, financiaron a dotación de hidrantes de auga para dispoñer de mellores servizos para a extinción de posibles incendios ou para solventar calquera incidencia ou emerxencia que se produza neste complexo.

O ano pasado a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación fixo achegas para melloras a cinco parques empresariais das bisbarras do Salnés e Caldas, polo que a estas axudas para Trabanca Badiña, hai que engadir outras similares para os polígonos das Sete Pías en Cambados, Nantes en Sanxenxo e Afieiras e Mirallos en Moraña cunha partida total de 312.000 euros, que supuxo o 80% dos investimentos.