A Xunta pon en marcha a mellora da seguridade viaria nos accesos ás praias de Lapamán e Agrelo

Marín
14 de febreiro 2020

Os propietarios dos terreos afectados están citados nos seus concellos a finais do mes de marzo para recibir explicacións sobre as características do proxecto

Estrada PO-551, en Lapamán
Estrada PO-551, en Lapamán / Mónica Patxot

A mellora da seguridade viaria na estrada PO-551 ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín ponse en marcha. A Axencia Galega de Infraestruturas citou para o próximo mes de marzo aos titulares dos terreos necesarios para executar as obras para o levantamento das actas previas á ocupación.

A actuación, incluída nun proxecto autonómico de 1,2 millóns de euros destinados a reducir os puntos negros nas estradas galegas, contempla a execución de dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo, así como a mellora dun cruzamento no municipio de Marín. Tamén reforzarán a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu coa instalación de semáforos con pulsador.

O boletín oficial da provincia recolle este venres que os propietarios afectados pola obra están citados o día 26 pola mañá en Bueu e ao día seguinte, en Marín.