A partir deste xoves, 30 de maio, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
PLADIGA
Este luns o Consello da Xunta aprobou a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2024, que ten como obxectivo reducir ao máximo as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Entre as principais novidades da actualización está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio conte con videovixilancia. En concreto, van instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, é dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos.
O operativo antiincendios estará integrado por máis de 7.000 persoas, unha trintena de medios aéreos entre os da Xunta e os que achega o Estado e 380 motobombas contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Destaca a entrada en funcionamento, este ano, da base de medios aéreos de Verín-Oímbra ou a construción de 44 novos puntos de auga, así como o mantemento dos 4.843 puntos existentes.
O número total de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria no ano 2024 é de 40 e non varía respecto ao dato de 2023.
O pasado mes de abril incorporouse o persoal laboral contra incendios da Xunta, que traballará xa este ano durante 7 meses, mellorando a súa estabilidade e incidindo na prevención.
A medida beneficia case un milleiro de traballadores, que viñan traballando 6 meses ao ano e que a partir de agora, de maneira gradual, irán incrementando os seus contratos ata os 9 meses, no horizonte de 2026.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.