O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo este xoves sobre a mesa un acordo para poder iniciar "de inmediato" o proceso de cambio de modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros. Tras anos sen avances, e ano e medio despois de que os responsables das deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña apostaran por este cambio de modelo, agora insta ás institucións a que concreten que xestión queren.
Rueda fixo esta proposta estes xoves nun encontro con representantes das deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra e lembrou que xa hai ano e medio, ante a súa demanda de ter consorcios provinciais de salvamento con xestión directa, os presidentes das tres institucións provinciais se comprometeran a aportar informes que avalaran esta modificación.
A pesares do tempo pasado, Rueda asegura que non se concretou "ningún avance práctico durante todo este tempo" e destacou que a Xunta mantén a súa disposición a cambiar a un modelo de xestión directa, sempre que se cumpran dúas premisas: que se garantan os dereitos dos traballadores e que non supoña un sobrecusto para as arcas públicas.
A Xunta comprométese a non opoñerse ao cambio de modelo e a seguir mantendo a súa achega económica. Tamén a que en canto quede definido o cambio de sistema, poderán abordarse outras cuestións que teñen que ver coa xestión dos parques, como o mapa de emerxencias ou a homoxeneización de salarios.