A Xunta publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto expropiatorio para a construción dunha nova senda na estrada PO-223 entre O Couso e O Sobral, no concello de Pontevedra.
O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación rolda os 1,2 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 31 predios necesarios para a súa execución. Estas obras contan con financiamento de fondos europeos Feder.
A senda, de 2 quilómetros, configurará un percorrido continuo entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve.
O proxecto inclúe modificacións do trazado da estrada e a mellora de interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración. Melloraranse as paradas de autobús e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro.
A Xunta prevé desenvolver estas obras de xeito coordinado co proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, onde se sitúa o colexio, precisamente na contorna da intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade autonómica.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.