O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu a última hora deste mércores unha nova Orde que regula as medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín.
Nese texto a Xunta recoñece que no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro sobre a comarca de Pontevedra sinálase que a taxa de incidencia "aínda que cunha lixeira baixada, segue sendo importante, o que indica que o brote non está baixo control".
Isto débese a que os datos reflicten un número de novos positivos que refire que a transmisión "segue sendo importante" con aparición de casos de maneira diaria.
"En consecuencia, o brote segue tendo características de alto/medio risco, polo que se recomenda continuar coas medidas xa establecidas", sinala o DOG.
O texto detense ademais de maneira concreta no caso de Marín, que fai que a taxa de incidencia na comarca do Morrazo aumente. Neste aspecto na vila marinense "o número reprodutivo instantáneo, aínda que está a baixar, aínda mostra que a transmisión está activa e poden seguir xerándose casos a partir doutros", explica o informe. Ademais "os grupos de idade máis afectados corresponden a idades moi novas o que pode favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas", sinala.
Tras esta explicación a Xunta conclúe que, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico, o mellor é manter as medidas de prevención especiais en Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín reguladas nas ordes do 9 e 11 de setembro.
As medidas, que foron ratificadas en sede xudicial, volverán avaliarse nun período non superior a unha semana, explica o goberno autonómico.