A Xunta reitera a Ponte Caldelas o seu compromiso coa mellora da PO-234

Ponte Caldelas
22 de novembro 2017

O goberno autonómico cualifica de "totalmente falsas" as afirmacións do alcalde sobre un presunto transvasamento de fondos para sufragar o acceso á Cidade da Cultura desde a AP-9

Ethel Vázquez, conselleira de infraestruturas Xunta

A Xunta de Galicia cualifica de "totalmente falsas" as afirmacións do alcalde de Ponte Caldelas sobre un presunto transvasamento de fondos desde a partida destinada a reformar a PO-234 entre Portasouto e Augasantas para custear o acceso á Cidade da Cultura desde a autoestrada AP-9.

Segundo o goberno autonómico, a redución da partida destinada este ano 2017 á segunda fase de reforma do viario (650.000 euros), a que afecta o municipio de Ponte Caldelas, débese ao atraso sufrido na tramitación ao ter que asumir un proceso expropiatorio.

Neste aspecto a Xunta acusa ao Concello de "falta de dilixencia" á hora de poñer á súa disposición os terreos necesarios, e asegura ademais que o prazo de información pública do proxecto pechouse o pasado 15 de setembro sen que Ponte Caldelas remitise o certificado de recepción das alegacións ata o pasado 7 de novembro, entrando na Consellería de Infraestruturas o día 20.

Ante esta situación, asegura, para evitar perder fondos a Axencia Galega de Infraestruturas realizou unha operación contable ordinaria e destinou parte dos recursos ao pago de expropiacións pendentes.

En todo caso a administración galega defendeu a través dun comunicado o seu compromiso coa mellora da PO-234, cuxa primeira fase de reforma no Concello de Cerdedo-Cotobade foi adxudicada por máis de 265.000 euros.