A Xunta Reitora extraordinaria do IMD, pendente desde outubro, convocarase a próxima semana

Pontevedra
29 de xaneiro 2016

A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, avanzou este venres que a próxima semana, "probablemente" o luns, convocarase a Xunta Reitora extraordinaria do Instituto Municipal de Deportes (IMD) solicitada, segundo denunciaron os populares, en outubro

Xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD)
Xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) / Mónica Patxot

A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, avanzou este venres que a próxima semana, "probablemente" o luns, convocarase a Xunta Reitora extraordinaria do Instituto Municipal de Deportes (IMD) solicitada, segundo denunciaron os populares, en outubro.

Este anuncio de convocatoria chega pouco despois de que o Partido Popular reclamase, por enésima vez, que se celebrase unha sesión extraordinaria para renovar os tres vocais representantes dos clubs e entidades deportivas da cidade.

O edil Tomás Abeigón, que reclamou un "giro radical" na política deportiva municipal, lembrou que se cumpriron xa cen días desde a súa primeira petición por escrito e que, se no prazo de quince días a responsable de Deportes non procede á súa convocatoria "lo tendrá que hacer el secretario del Concello".

É un tema "urgente y necesario", segundo Abeigón para que o organismo reitor do IMD volva ser "democrático, variado y representativo".

Ademais de renovar esas vocalías, os populares queren tratar nesa reunión outros asuntos relacionados co deporte como o desmantelamento do campo de fútbol de Praceres, a perda dun campionato nacional de natación pola polémica entre o Concello e o Club Natación Galaico ou os problemas que ten o Club Voleibol Pontevedra para adestrar no Multiúsos da Xunqueira.