A Xunta renova en Pontevedra o seu contrato co CSIC por 400.000 euros

Pontevedra
18 de agosto 2015

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o Presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Emilio Lora-Tamayo, asinaron este martes un contrato entre ambas as dúas institucións para o desenvolvemento de programas de I+D+i nos institutos de investigación que este organismo ten na comunidade galega

Instalacións da Misión Biolóxica de Salcedo
Instalacións da Misión Biolóxica de Salcedo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o Presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Emilio Lora-Tamayo, asinaron este martes un contrato entre ambas as dúas institucións para o desenvolvemento de programas de I+D+i nos institutos de investigación que este organismo ten na comunidade galega.

O acto tivo lugar no Pazo de Gandarón, sede da Misión Biolóxica de Galicia, situado na parroquia pontevedresa de Salcedo, e contou coa presenza do Coordinador institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés e do Director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, entre outras autoridades.

O contrato está dotado con 400.000 euros que se canalizarán en función do cumprimento de obxectivos previamente establecidos sobre a base da valoración dun conxunto de indicadores de xestión e resultados.

Segundo explicou Emilio Lora-Tamayo configurarase un sistema competitivo de agestes de I+D+i en Galicia, premiando o esforzo realizado na xestión dos centros e optimizando o destino dos recursos públicos sobre a base de criterios de excelencia.

Francisco Conde insistiu en que este acordo "apostará pola formación, captación e retención de talento", situando o investigador como o principal valor das actividades do I+D+i.

Ademais o conselleiro fixo especial énfase na "protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación para que actúe como motor do crecemento económico".

O CSIC é a maior e máis importante institución pública dedicada á investigación en España e a terceira en Europa, e en Galicia conta con cinco centros de investigación vinculados a sectores estratéxicos da comunidade autónoma.