Acatar sentenzas xudiciais que obrigan a contratar a traballadores en situación irregular vaille saír caro á Misión Biológica de Galicia.
O presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Emilio Lora-Tamayo, penaliza a este centro ubicado na parroquia pontevedresa de Salcedo en base a un 'índice de litixiosidade'.
Nunha resolución con data 6 de abril que deu a coñecer o xornalista Eduardo Rolland na web GCiencia, o maior organismo público de investigación en España intenta frenar a contratación de persoal. Ocorre que centos de sentenzas xudiciais estanlle a dar a razón a investigadores e técnicos cando recorren aos tribunais para esixir un contrato indefinido tras traballar como temporais nun proxecto concreto. Logo de perder os preitos o CSIC debe asumir a súa contratación.
O de Pontevedra é un dos centros onde o CSIC perdeu máis preitos e agora queren limitarlles a contratación de persoal, ademais de castigar aos xefes científicos, incluso recortando o seu salario a través da produtividade.
Dende o ano 2013, en toda España, un total de 677 persoas gañaron unha praza deste xeito e hai outros 112 casos pendentes de resolución en todo o Estado.