A Xunta saca a licitación o proxecto da nova senda de Pardavila na PO-313

Marín
14 de xaneiro 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de sacar este martes no DOG a licitación destas obras que se executarán entre os puntos quilométricos 1-380 e 3-330 e permitirán fixar a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados por estas obras. A data será o 27 de febreiro ás 10 da mañá

Cores Tourís visitou a PO-313 en Marín
Cores Tourís visitou a PO-313 en Marín / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este martes a PO-313 en Marín, para anunciar a licitación da nova senda peonil e ciclista de Pardavila.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, así como do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey.

Segundo informou Cores Tourís, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de sacar este martes no DOG a licitación destas obras que se executarán entre os puntos quilométricos 1-380 e 3-330 e permitirán fixar a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados por estas obras. A data será o 27 de febreiro ás 10 da mañá.

Trátase dunha senda de dous quilómetros pola marxe esquerda desta estrada autonómica, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, unha vez pasado o enlace da variante de Marín.

Os traballos prevén tamén a construción dunha pequena plataforma para salvar o rego ao comezo desta vía e outras obras complementarias necesarias para a senda, como unha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección cun carril central e un cambio de sentido.

O orzamento superará os 715.000 euros.