Aprobadas as expropiacións para o trazado dunha senda peonil entre Pardavila e Cadro

Marín
08 de abril 2021

O Consello da Xunta autorizaba este xoves 8 de abril as expropiacións para executar unha senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no municipio de Marín. A licitación das obras está prevista para o segundo semestre deste ano

Trazado da nova senda na estrada autonómica PO-313 entre Pardavila e Cadro
Trazado da nova senda na estrada autonómica PO-313 entre Pardavila e Cadro / Xunta de Galicia

O Consello da Xunta autorizaba este xoves 8 de abril as expropiacións para executar unha senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no municipio de Marín.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación ascende a preto de 650.000 euros, que inclúen o pagamento dos 9 predios necesarios para a súa execución.

O obxecto desta actuación é a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e fomentar a mobilidade sustentable.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre deste ano. Os traballos contan cun prazo de execución de 9 meses.

A nova senda proxéctase en formigón cor terrizo e estará limitada exteriormente por un bordo que a diferencie do resto da plataforma. O ancho será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario, mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus. Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada e acondicionarase a contorna no seu novo emprazamento, con bancos e iluminación axeitada.

Esta nova senda dará continuidade ao itinerario de preto de 2 quilómetros rematado a finais do pasado ano pola marxe esquerda da PO-313. Trátase da senda que comeza na saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa variante de Marín.