Trece empresas ofrécense para executar unha senda na PO-313 entre Pardavila e Cadro

Marín
25 de xaneiro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este ano, xa que conta cun prazo de execución de nove meses e os actos expropiatorios xa foron convocado en setembro e decembro do 2021

Visita á zona onde se construirá a senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro
Visita á zona onde se construirá a senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro / Concello de Marín

A Xunta recibiu un total de 13 ofertas de empresas para executar unha senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no concello de Marín, licitadas por un importe de 611.849 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este mesmo ano, xa que ten un prazo de execución de nove meses.

Os actos expropiatorios leváronse a cabo xa nos meses de setembro e de decembro do pasado ano. A actuación suporá un investimento total de 650.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios precisos para executar as obras.

Esta intervención consiste na construción dun itinerario na marxe esquerda da estrada PO-313 coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e fomentar a mobilidade sostible.

O novo itinerario proxéctase en formigón cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus.