Adxudicadas por 510.159 euros as obras da senda peonil na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no Concello de Marín. As obras iniciaranse nesta primavera e terán un prazo de execución de 9 meses.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa) a actuación nesta zona, que contará cun investimento global da Xunta de Galicia de 650.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios precisos para executar as obras.
Os actos expropiatorios leváronse a cabo xa nos meses de setembro e de decembro do pasado ano co fin de iniciar en primavera a construción dun itinerario na marxe esquerda da PO-313, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130. A finalidade desta actuación é seguir mellorando a seguridade viaria na contorna, favorecer os desprazamentos a pé dos veciños e fomentar a mobilidade sostible.
O novo itinerario será en formigón cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho da senda será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.
Ademais, de modo complementario, mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus, trasladarán lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada e acondicionarán a contorna da súa nova situación, creando un espazo público para desfrute dos veciños. Disporán, ademais, iluminación e varios bancos.
Con esta nova senda buscarán dar continuidade ao itinerario executado pola marxe esquerda da PO- 313, de preto de 2 quilómetros, que supuxo un investimento da Xunta de 715.000 euros. Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.
Conforman en conxunto unha estrada de case 3 quilómetros que suporán unha importante mellora da seguridade peonil nesta vía.
Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar, nas estradas da súa titularidade, 8 itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.