Agardan que as obras da senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro conclúan neste 2022

Marín
28 de setembro 2022

O delegado territorial da Xunta, Luis López, acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, supervisou na mañá deste mércores esta intervención, consistente na creación dun itinerario de 800 metros cun investimento de 611.000 euros

Obras para crear a senda peonil da PO-313, en Marín
Obras para crear a senda peonil da PO-313, en Marín / Xunta de Galicia

Luís López e María Ramallo, delegado territorial da Xunta e alcaldesa de Marín, visitaban este mércores a zona de obras da senda peonil de 800 metros de lonxitude que se estende na estrada autonómica PO-313 no tramo entre Pardavila e Cadro.

Estes traballos, iniciados en abril, realízanse cun investimento de 611.849 euros e a previsión da Xunta é que se atopen finalizados antes de que conclúa este 2022. A obra desenvólvese entre Marín e Moaña dentro do Plan de Sendas do Morrazo co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible e a seguridade viaria.

Este itinerario execútase pola marxe esquerda con formigón e presenta un ancho variable, dependendo do espazo existente en cada punto. O mínimo, en todo caso, é de 1,8 metros ao longo de todo o traxecto.

Está previsto que se traslade lixeiramente un cruceiro que se atopa na marxe esquerda da estrada ata unha zona próxima para garantir o ancho mínimo da senda. Tamén se derrubarán edificacións en estado ruinoso e non habitadas, segundo explica a Xunta, para acondicionar unha pequena praza, que contará con nova iluminación e bancos.

O proxecto dá continuidade á senda que se inicia á saída da travesía de Marín e chega a Pardavila, unha vez pasado a ligazón coa Variante de Marín. Unha vez finalizado o itinerario será de case tres quilómetros nesta estrada entre Coirados e Cadro.