A Consellería licita a construción da senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro

Marín
27 de decembro 2021

Nunha visita á zona da alcaldesa de Marín, María Ramallo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e os concelleiros Pablo Novas, Marián Sanmartín e Manuel Santos falaron da apertura da fase de contratación desta actuación, enmarcada no Plan de Sendas do Morrazo

Visita á zona onde se construirá a senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro
Visita á zona onde se construirá a senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro / Concello de Marín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou este luns as obras de construción dunha senda peonil de 800 metros de lonxitude na estrada autonómica PO-313 no treito entre Pardavila e Cadro, no Concello de Marín, cun investimento de 611.849 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xaneiro.

Nunha visita á zona da alcaldesa de Marín, María Ramallo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, cos concelleiros Pablo Novas, Marián Sanmartín e Manuel Santos falaron da apertura da fase de contratación desta actuación, enmarcada no Plan de Sendas do Morrazo.

A obra desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022, xa que ten un prazo de execución de nove meses, e executarase entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130 desta estrada entre Marín e Moaña.

A senda pretende continuar co plan de fomento da mobilidade sostible e incremento da seguridade viaria, inclúe un itinerario cunha anchura mínima de 1,8 metros e contempla melloras na intersección, unha marquesiña e un espazo público.