A Xunta solicita ao Concello un terreo para construir unha residencia de maiores

Pontevedra
17 de abril 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García sinala que a proposta da Xunta é instalar a residencia no edificio do actual Hospital Provincial mantense, pero considera que "é xusto que Pontevedra conte coa súa residencia de 120 prazas ao mesmo tempo que as demais cidades da nosa comunidade"

Fabiola García visita o centro de día de Afapo
Fabiola García visita o centro de día de Afapo / Xunta

A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García ven de remitir unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que lle solicita a cesión dun terreo de titularidade municipal para construir unha nova residencia de maiores.

Na misiva, á que tivo acceso PontevedraViva, a conselleira apela á colaboración entre institucións como ferramenta "fundamental para mellorar os servizos públicos que ofrecemos á cidadanía".

Fabiola García lembra ao rexedor que no caso de Pontevedra, a proposta da Xunta é instalar a residencia no edificio do actual Hospital Provincial. "Esta idea mantense, posto que se trata dun edificio emblemático e ben situado, no que se poderá prestar unha atención ás persoas maiores de primeira calidade".

Porén, a Xunta de Galicia considera que "é xusto que Pontevedra conte coa súa residencia de 120 prazas ao mesmo tempo que as demais cidades da nosa comunidade". Por iso, "sen renunciar á oportunidade" que suporá nos vindeiros anos o traslado da actividade sanitaria do Hospital Provincial, escribe esta carta ao alcalde "para solicitarlle a cesión dun terreo de titularidade municipal para poder comezar canto antes a construción desta nova residencia".

A conselleira sinala que o procedemento máis acaído sería a sinatura dun convenio semellante ao que xa asinou a Consellería de Política Social cos Concellos de Santiago, A Coruña ou Ourense.

Ademáis, na carta precísase que sería necesario que o Concello enviase á Consellería "coa maior axilidade posible" unha relación de terreos dispoñibles que cumpren os requisitos para a construción dun equipamento así, detallando as súas características técnicas. Dentro desa selección, os técnicos autonómicos escollerían o máis axeitado para o proxecto que se prevé levar a cabo.

Por último, a conselleira sinala que "teño confianza en que o momento político en que nos atopamos non será obstáculo para o bo entendemento entre as dúas Administracións, e que os trámites chegarán a bo porto con rapidez e dilixencia, para beneficio das veciñas e veciños de Pontevedra e da súa área".