A xustiza dá a razón á Deputación na demanda de Sanxenxo por unha subvención

Sanxenxo
16 de decembro 2018

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Pontevedra deu a razón á Deputación fronte á demanda interposta polo Concello de Sanxenxo ante a negativa dunha subvención nunha convocatoria provincial para as obras do centro sociocultural de Vilalonga

Luis Aragunde, Telmo Martín, Ángel Moldes e Salomé Peña
Luis Aragunde, Telmo Martín, Ángel Moldes e Salomé Peña / PP provincial

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Pontevedra deu a razón á Deputación fronte á demanda interposta polo Concello de Sanxenxo ante a negativa dunha subvención nunha convocatoria provincial para as obras do centro sociocultural de Vilalonga.

Como xa sucedeu co Concello de Vilanova de Arousa, tamén gobernado polo Partido Popular, o executivo sanxenxino solicitaba ao xuíz a anulación desta decisión e a revisión da solicitude de axuda pero, de novo, o xulgado rexeita esta petición e dá a razón ao goberno presidido por Carmela Silva.

Fronte ao argumentado polo Concello de Sanxenxo, o xuíz entende que as bases da convocatoria non son contrarias a dereito.

Na sentenza recóllese que as bases establecían que non podían concorrer a estas axudas concellos que xa tivesen en marcha ou executadas actuacións por encima de 600.000 euros, e no caso de Sanxenxo xa se executou o convenio para reforma a rúa Luís Rocafort.

O Concello entendía que esta cantidade referíase só á achega municipal, que era inferior, pero o xulgado confirma que se refería ao conxunto da obra. A interpretación das bases, feita pola administración provincial, é "máis lóxica" que a do Concello, conclúe a sentenza.