A xustiza obriga o Sergas a cesar a Isauro Gómez Tato como xefe de Psiquiatría do CHOP

Pontevedra
03 de outubro 2018

A xustiza volve fallar a favor do psiquiatra Víctor Pedreira, quen no 2012 optara á praza que fóra finalmente adxudicada a Gómez Tato nun nomeamento declarado ilícito e que non se axustou a dereito

Isauro Gomez Tato (esquerda) co conselleiro de Sanidade e o xerente do Chop nunha imaxe de 2016
Isauro Gomez Tato (esquerda) co conselleiro de Sanidade e o xerente do Chop nunha imaxe de 2016

O Servizo Galego de Saúde ten que cesar de inmediato a Isauro Gómez Tato como xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP). Así o determina un auto da xuíza titular do xulgado do contencioso administrativo número 2 de Pontevedra feito público este mércores.

A xustiza volve fallar a favor do psiquiatra Víctor Pedreira, quen no 2012 optara á praza que fóra finalmente adxudicada a Gómez Tato nun nomeamento declarado ilícito e que non se axustou a dereito.

O auto di expresamente que agora o Sergas debe designar a un responsable en funcións mentres constitúe a un novo tribunal plural e neutral e se repite o proceso administrativo convocado de maneira fraudulenta no ano 2012 para cubrir esa praza no Hospital Provincial. É dicir, o Sergas ten que retrotraer as actuacións seis anos atrás.

No ano 2016 este xulgado xa sentenciou a favor dos intereses de Victor Pedreira e o Sergas recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en outubro do 2017 volveu dar a razón a Pedreira. O Sergas optou entón por non volver recorrer ante o Supremo pero si alegou ao xulgado que a sentenza era inexecutable .

Con este último auto, o xulgado do contencioso administrativo rexeita o argumento esgrimido pola asesoría xurídica do Sergas de que non era posible executar a sentenza que no 2016 anulou o proceso polo que se adxudicou esa xefatura de servizo ao estar Pedreira xubilado como médico na sanidade pública desde xaneiro do 2015. Ademais condena á administración pública a pagar as costas de todo este proceso.

Contra este auto aínda cabe presentar un recurso de apelación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora