Aberta a participación veciñal para facer achegas ao novo regulamento do lixo

Pontevedra
12 de decembro 2020

Xa está habilitado un período de consultas a través da páxina web, que estará dispoñible até o vindeiro 11 de xaneiro. O obxectivo desta norma será regular as relacións entre os usuarios e a entidade que prestará o servizo. É o primeiro paso legal para a redacción e licitación do novo contrato do lixo.

Carpa de información do Composta
Carpa de información do Composta / Mónica Patxot

A Concellaría de xestión de residuos, que dirixe Raimundo González, abriu o período de participación para facer achegas para elaborar o novo Regulamento do servizo público de xestión integral dos residuos sólidos urbanos e limpeza do espazo público do Concello de Pontevedra.

Con este período de participación, ábrese o proceso legal para a redacción e posta en marcha do novo contrato do lixo que o Concello de Pontevedra pretende poñer en marcha ao longo deste ano.

Este segundo proceso de consultas sobre o novo contrato, faise a través da páxina web municipal Pontevedra.gal Toda a veciñanza que o desexe pode presentar as súas achegas até o vindeiro 11 de xaneiro, cando se pecha o prazo legal.

Segundo recolle o propio expediente, o regulamento pretende definir as relacións entre os usuarios e a entidade que presta o servizo.

PRIMEIRO PERÍODO DE CONSULTAS

Como xa ten explicado o concelleiro responsable do servizo, Raimundo González a participación cidadá que agora se solicita para a elaboración do regulamento, é distinta á que estivo aberta durante todo este ano e que formou parte dunha rolda de reunións e encontros con asociacións de veciños, sindicatos, empresariais, ecoloxistas... para coñecer as expectativas que teñen os pontevedreses no futuro contrato do lixo.

Das máis de 400 achegas recibidas, máis do 11% solicitaban que se ampliase o sistema de compostaxe (tanto individual como colectivo); e seguindo esta liña, que se implantase o tratamento de biorresiduos (3,9%), ou que se primase a reciclaxe e a compostaxe (6,49%). A gran maioría das suxestións estaban dirixidas a mellorar e incrementar a compostaxe e a reciclaxe, o que amosa o "gran compromiso ambiental dos veciños", segundo o concelleiro.