Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

Raimundo González, concelleiro responsable da Xestión de Residuos, sinalaba que durante o pasado ano os datos da recollida selectiva no municipio acadaron cifras récord na recepción de vidro, envases e papel que xunto á xestión dos biorresiduos provocou que se pasara de enviar 29.658 toneladas de lixo en 2019 a trasladar 28.199 toneladas á planta de Cerceda

Raimundo González presenta os novos contedores marróns
Raimundo González presenta os novos contedores marróns / Mónica Patxot

Durante 2020 rexistrouse un incremento notable de recollida selectiva nos contedores de envases, papel e vidrio do municipio de Pontevedra. Anunciábao este venres Raimundo González, concelleiro responsable de Xestión de Residuos, que mostraba a súa satisfacción tanto por estes datos como polo funcionamento do tratamento de biorresiduos, que tamén foron fundamentais nesa redución de envío de lixo á planta de Sogama en Cerceda.

Segundo explicou, en envases produciuse un incremento do 14,37% na recollida pasando de 1.020 en 2019 a 1.168 toneladas en 2020, 148 toneladas máis. En vidro, pasouse de 1.077 a 1.167 cun incremento do 8% mentres que en papel se rexistrou unha subida do 31% ao pasar de 1.389 a 1.816 toneladas no pasado ano.

O concelleiro afirmaba que se trata de datos récord, que provocaron un descenso en máis do 5,1% da cantidade de lixo enviado á planta de Sogama. As 29.658 toneladas enviadas en 2019 reducíronse a 28.199 durante 2020, case 1.500 toneladas menos.

Raimundo González entende que o tratamento de biorresiduos afectou de forma substancial nesa baixada de lixo enviado para a incineración en Sogama. Explicou que se trataron máis de 3.000 toneladas a través dos centros comunitarios, os composteiros comunitarios e a través do Plan Composta. Todo isto, a pesar da pandemia que impediu realizar campañas de sensibilización e o despregamento de composteiros individuais con normalidade, explicou o concelleiro.

Encomiou o alto compromiso medio ambiental que mostra a cidadanía de Pontevedra e sinalou que se vai a seguir traballando desde o goberno local para incrementar o tratamento dos biorresiduos de cara ao futuro contrato de recollida de residuos sólidos urbanos cuxos pregos se están elaborando para a súa saída a concurso.

XORNADAS TÉCNICAS CON OPERADORES

Cinco empresas do sector de tratamento de lixo participarán o 4 de febreiro nunha xornada semi presencial coa presenza de relatores de cada unha destas entidades para tratar temas como o modelo de recollida, xestión de  biorresiduos, economía circular, uso de enerxías renovables na xestión de residuos e utilización de novas tecnoloxías. O goberno local quere coñecer o punto de vista das principais empresas do sector.

As xornadas estaban previstas para abril de 2020 pero, debido á pandemia, fóronse atrasando. Raimundo González afirma que esta cita permitirá recoller as propostas interesantes que se realicen no prego para o novo contrato de recollida de residuos e vai desenvolverse unha mesa redonda cun representante das empresas, un representante veciñal e outro dunha asociación ecoloxista. 

O concelleiro afirmou que a licitación está prevista para dentro deste 2021 e previamente realizarase unha ordenanza do servizo para despois aprobar a licitación do contrato que, segundo entende, supoñerá un cambio radical na xestión dos residuos e converterase nun exemplo para todo o Estado no tratamento do lixo.