Pontevedra organiza unha xornada técnica para 'afinar' o novo contrato do lixo

Pontevedra
19 de marzo 2021

Cinco das empresas máis destacadas do sector, Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza, participarán na xornada técnica convocada polo Concello de Pontevedra para coñecer as últimas propostas presentadas en materia de xestión e recollida de lixo

Camión do lixo de Ferrovial no centro histórico de Pontevedra
Camión do lixo de Ferrovial no centro histórico de Pontevedra / Mónica Patxot

Cinco das empresas máis destacadas do sector, Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza, participarán na xornada técnica convocada polo Concello de Pontevedra para coñecer as últimas propostas presentadas en materia de xestión e recollida de lixo.

Toda esa información, segundo o goberno municipal, servirá para redactar os pregos do novo contrato da xestión dos residuos no que xa traballan os técnicos do Concello.

O edil responsable da área, Raimundo González, explica que este o momento de coñecer todas as propostas existentes e incorporar aquelas que resulten de interese nun contrato que terá na xestión dos biorresiduos a súa peza capital.

O obxectivo deste encontro é coñecer os modelos de recollida, a xestión de biorresiduos, a economía circular, o uso de enerxías renovables na xestión de residuos ou a aplicacións das novas tecnoloxías máis punteiras nestes momentos no Estado.

Con esta última información o Concello dará por pechada a fase de participación para a elaboración dos pregos, que tamén se nutrirá coas ducias de achegas que foi facendo a veciñanza nestes meses, e centrarase de cheo no estudo económico e na súa redacción.

A xornada, que foi suspendida o pasado 4 de febreiro pola pandemia, celebrarase a través ca canle municipal de YouTube o próximo 25 de marzo, a partir das catro da tarde.

O encontro, que terá un marcado carácter profesional, tamén está aberto ao público e os participantes poderán facer preguntas e suxestións a través do chat, que serán respondidas ao final da xornada por parte dos técnicos.