Aberto o prazo para que a hostalería de Marín solicite asadores para a noite de San Xoán

Marín
16 de xuño 2020

O Concello fai públicas as condicións baixo as que se poderán colocar, cumprindo en todo momento coas normas vixentes na "nova normalidade" derivada da crise sanitaria da Covid19. Os interesados terán que presentar unha solicitude formal no Rexistro do Concello antes do luns, día 22

Sardiñas nas brasas
Sardiñas nas brasas / Juan Mejuto

O Concello de Marín segue traballando para facer do San Xoán unha festa segura e na que a hostalaría do municipio tamén poida reactivar a súa economía. Deste xeito, abre o prazo para que os locais poidan solicitar a instalación dun asador no exterior dos establecementos, para poder así despachar comida entre a veciñanza.

Para iso, deberá presentarse por rexistro unha solicitude na que se indiquen datos do establecemento e da persoa responsable, así como a ubicación na que se quere instalar o asador. Terán como prazo máximo até o luns.

Deberán cumprirse unha serie de condicións, entre outras, o asador terá que estar perfectamente delimitado e deberá ser utilizado por unha soa persoa, sen permitirlle a ninguén o paso á zona, a excepción do persoal de servizo do establecemento. Ademáis deberán utilizarse depósitos de lixo nas inmediacións do asador, facéndose responsable cada establecemento do baleirado dos mesmos nos contedores correspondentes.

Os establecementos que o desexen, poderán acender lume, mais deberán facelo constar na solicitude. O lume será acendido no espazo acotado pola Administración local.

REPARTO DE COMPOSTEIROS NA PARROQUIA DE SANTOMÉ

Por outra banda, este xoves, 18 de xuño, o Concello prevé realizar a entrega dos composteiros individuais outorgados por Sogama, que quedaron pendentes de repartir antes do inicio da crise sanitaria da Covid19.

A compostaxe individual é un modelo de xestión dos residuos orgánicos que tivo moi boa acollida na vila desde o reparto das primeiras unidades en Pardavila, que paulatinamente tamén foron chegando a parroquias como Seixo e Ardán.

Desta vez, será o turno de cen veciños de Santomé de Piñeiro, que xa teñen asignada a súa unidade correspondente. Para a súa entrega, o Concello citará a todas estas persoas o xoves na Casa de Cultura en dúas quendas, ás 19.00 e ás 20.00 horas.

Aínda que o aforo do local é de cen persoas, o Concello quere repartir en dúas quendas a entrega para así cumplir correctamente con todas as medidas de prevención e seguridade vixentes.