Aberto o prazo para solicitar xantares particulares na Festa da Batalla

Ponte Caldelas
06 de agosto 2014

Os interesados en participar nas comidas campestres poden solicitar permiso ata o próximo luns 18 de agosto. A Festa da Batalla de Ponte Caldelas celebrarase o o domingo 24 de agosto

Xantares particulares durante a Festa da Batalla 2013
Xantares particulares durante a Festa da Batalla 2013 / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas manterá aberto ata o luns 18 de agosto (14:00 horas) o prazo para solicitar autorización para os xantares populares dentro da celebración da Festa da Batalla.

A recreación historica da Guerra da Independencia celebrarase este ano o domingo 24 de agosto, contando un ano máis con espazo para comidas a beiras do río Verdugo, na zona comprendida entre o balneario e a pasarela peonil de madeira.

Segundo establecen as bases da celebración, os postos que instalen os particulares deberán ser de madeira ou cubertos con tecidos rústicos, como por exemplo o liño ou tea de saco, e terán que usarse vaixelas de barro ou porcelana tradicional evitando os produtos de plástico. En canto ás mesas que pretendan facer lume deben facelo constar na solicitude e habilitar as medidas de seguridade necesarias.

Ademais os comensais deberán vestir traxe de época para respectar a ambientación do século XIX propia da Festa da Batalla, que cumpre este ano a súa sexta edición. Para facilitar este labor na páxina web do Concello (www.pontecaldelas.org) pódense obter patróns e modelos de traxes e vestidos de época.