Aberto o prazo para ofrecer "Vacacións en Paz" entre familias galegas a nenos e nenas saharauis

Pontevedra
21 de maio 2026

Está en marcha unha nova campaña de SOGAPS para ofrecer un respiro térmico e revisións médicas a menores saharauís, mentres o Fronte Polisario reivindica a autodeterminación do seu pobo

O alcalde de Pontevedra recibe aos nenos saharauís do programa "Vacacións en Paz"
O alcalde de Pontevedra recibe aos nenos saharauís do programa "Vacacións en Paz" / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra acolleu a presentación dunha nova edición de "Vacacións en Paz", o programa de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto.

A iniciativa, coordinada en Galicia por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) por petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), busca familias acolledoras para afastar os menores das duras condicións do verán nos campamentos de refuxiados.

Na rolda de prensa participaron Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social de Pontevedra; Maite Isla, coordinadora do programa e presidenta de SOGAPS; e Abidín Bucharaya, delegado do Fronte Polisario en Galicia.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, destacou que as causas e as loitas xustas merecen un oco na axenda mediática e institucional. Lembrou a realidade do pobo saharauí, "desprazado do seu territorio natural por Marrocos", e criticou a "lateralidade do Goberno español" ante este conflito histórico.

Estes programas non son unha cuestión simplemente de lecer, indicou senón que "son unha cuestión de resistencia". 

Desde a organización fann un chamamento á participación, suliñando que o prazo de inscrición segue aberto a través da páxina web e que, na actualidade, xa hai 10 familias pontevedresas inscritas (300 en toda Galicia).

Maite Isla, coordinadora de SOGAPS, amosou o seu profundo agradecemento ao Concello de Pontevedra polo seu firme compromiso político e, especialmente, ás familias acolledoras: "As institucións poden colaborar, pero sen unhas familias tan solidarias sería imposible levar isto a cabo".

Abidín Bucharaya, Anabel Gulías e Maite Isla
Abidín Bucharaya, Anabel Gulías e Maite IslaPontevedraViva

Isla lembrou que o programa permite afastar os menores duns campamentos onde nestes momentos xa se superan os 40 graos á sombra.

Tamén sinalou que, grazas a un convenio co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a cada neno e nena atribúeselle unha tarxeta sanitaria e fáiselles unha revisión médica completa ao chegar.

Ademaís, os menores practican tanto o castelán (a súa segunda lingua) como o galego.

Como mostra do vínculo histórico entre Galicia e o Sáhara, Isla compartiu unha anécdota emocionante: "O ano pasado caín nos campamentos e a enfermeira do ambulatorio que me atendeu díxome: "Ti es Maite, de Galicia? Eu son Fazou Metu, de Xinzo de Limia". Estivera alí de nena e aínda gardaba palabras en galego".

O delegado saharauí e a propia Isla testemuñaron a enorme tranquilidade e ledicia das nais saharauís ao saber que os seus fillos veñen acollidos a Galicia.

O delegado do Fronte Polisario en Galicia, Abidín Bucharaya, agradeceu o apoio unánime do goberno municipal de Pontevedra. Na súa intervención, contextualizou politicamente o conflito do Sáhara Occidental, lembrando que segue a ser un dos 17 territorios pendentes de descolonización segundo as Nacións Unidas.

Bucharaya sinalou directamente a responsabilidade do Estado español por "non cumprir coas súas obrigas como potencia colonizadora", o que condenou ao seu pobo a 50 anos de exilio, a unha primeira guerra de 17 anos e a un segundo conflito actual con Marrocos, agravado pola "complicidade de algunhas potencias occidentais".

Fixo alusión ás recentes manobras políticas derivadas da administración Trump e á postura do goberno español, que tentan impoñer a vía da autonomía baixo soberanía marroquí:

"Os enviados de EE.UU. non coñecían o tema nin o continente; pensaban que era unha acción de comercio de "vendo aquí e vendo alá". Pensaban que se solucionaba nunha semana, pero demostramos que non se pode despachar á lixeira un conflito de 50 anos", manifestou.

Abidín Bucharaya, delegado do Fronte Polisario en Galicia xunto a Maite Isla, coordinadora do programa Vacacións en Paz
Abidín Bucharaya, delegado do Fronte Polisario en Galicia xunto a Maite Isla, coordinadora do programa Vacacións en PazPontevedraViva

O delegado subliñou que a soberanía é exclusiva do pobo saharauí e que a única saída xusta é que se poñan as urnas para votar legalmente. Destacou tamén que, grazas a programas coma este, a sociedade saharauí se converteu na máis tolerante de África, educando os menores na convivencia sen importar as diferenzas.

Ademais, mandou unha mensaxe: "O Sáhara vai ser un país independente caia quen caiga. Non podemos ofrecer nada material a esta sociedade, pero esta amizade vai permanecer. O noso soño é a independencia, e no futuro fretaremos avións para facer Vacacións en Paz ao revés".

O prazo de inscrición para recibir a un neno ou nena saharauí durante este verán permanece aberto ata que finalice este mes de maio.

Calquera modelo de familia (homes, mulleres, parellas) que queira ofrecer o seu fogar pode cubrir o formulario oficial na páxina web oficial de SOGAPS