Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal para nenos saharauís durante xullo e agosto. En Galicia lévano adiante Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a petición do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
Desde 1991, Galicia participa nesta iniciativa solidaria, brindando aos nenos saharauís a oportunidade de vivir unha estancia agradable, humana e culturalmente enriquecedora, acompañados por familias galegas que coidan deles con agarimo.
O programa conta co respaldo económico da Xunta e a colaboración dos concellos, como é o caso do de Pontevedra onde este luns un grupo de nenos participantes neste programa foron recibidos na Casa Consistorial polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Vacacións en Paz enmárcase nun espírito de solidariedade e axuda desinteresada para que os peques gocen dunha experiencia positiva e así fomentar o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.
Os nenos naceron nos campamentos de refuxiados saharauís, na Hamada alxerina, preto de Tindouf, tras a evacuación causada pola represión e a ocupación de Marrocos en 1975. Crecer no exilio non lles impide compartir trazos culturais e lingüísticos con España, onde o español e o mundo hispanofalante deixan unha pegada especial nas súas vidas.
O obxectivo xeral é que os mozos saharauís pasen dous meses de verán acollidos por familias galegas e evitar que pasen xullo e agosto en condicións extremas de calor nos campamentos.
Entre os fins específicos están: reivindicar o dereito dos saharauís a vivir no seu Sahara; facilitar atención médica e nutricional; promover a tolerancia e a solidariedade na sociedade galega; mellorar a aprendizaxe de castelán e galego e ofrecer lecer e tempo libre.

Para ser familia de Vacacións en Paz, é necesaria unha sensibilización previa sobre a causa saharauí e a asistencia a Xornadas Formativas é obrigatoria.
Tamén se organizan xornadas para as familias biolóxicas dos menores en Tindouf para explicar a realidade cultural, económica e social de Galicia e os obxectivos do programa. Con iso, a organización busca que a experiencia sexa beneficiosa para todos e "contribúa a un mundo máis empático e diverso".