O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, reiterou este xoves ao Ministerio de Fomento a necesidade de mellorar a seguridade vial na estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano de San Antoniño.
Así llo trasladou ao xefe provincial da Demarcación de Estradas en Pontevedra co que mantivo unha reunión para analizar a situación na que se encontra o proxecto de mellora da seguridade vial nesta zona.
Na reunión, segundo sinala o goberno municipal, volveuse poñer de manifesto a perigosidade do cruzamento coa rúa Areal, logrando o compromiso de que, á maior brevidade posible, se rematará o estudo técnico para determinar cal é a mellor solución para resolver o grave problema da seguridade que existe neste punto.
O alcalde aproveitou ademais a reunión para expresar a súa preocupación e a dos veciños pola perigosidade que tamén existe no cruzamento da N-550 coa estrada provincial Portela-Curro.