Abre en Pontevedra o primeiro centro de información en diversidade sexual e afectiva de Galicia

Pontevedra
11 de marzo 2020

Pontevedra é xa a primeira cidade galega que conta cun centro municipal de información en diversidade sexual. A súa coordinadora será a activista trans Ada Otero, avogada especializada en violencia machista e cuestións de xénero

Paloma Castro e Ada Otero
Paloma Castro e Ada Otero / PontevedraViva

Pontevedra é xa a primeira cidade galega que conta cun centro municipal de información en diversidade sexual. A súa coordinadora será a activista trans Ada Otero, avogada especializada en violencia machista e cuestións de xénero.

O novo centro, que recibe o nome de Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (CIDES), xa abriu as súas portas e está situado na Praza de José Martí, compartindo espazo co Centro de Información a Muller (CIM) de Pontevedra.

Este centro, segundo a responsable de Igualdade, Paloma Castro, responde a unha "necesidade social" detectada en Pontevedra ante a falta de información entre os mozos en materia de diversidade sexual e afectiva, como acredita a enquisa realizada nos centros educativos.

A intención, engadiu a edil socialista, é crear un centro "seguro e aberto a todo o mundo" e que sexa unha "referencia" para todas aquelas persoas que teña "dúbidas" acerca da súa sexualidade ou, entre outras cuestións, necesiten asesoramento ante casos de LGTBIfobia. 

Ada Otero explicou que o CIDES cubrirá un oco "fundamental" na cidade, xa que actualmente non había ningún centro ou asociación ao que os pontevedreses puidesen recorrer para pedir información sobre diversidade e saúde sexual.

Ademais, avanzou colaborarán con outras entidades e colectivos que traballan polos dereitos e liberdades do colectivo LGTBIQ+ e organizarán actividades en datas sinaladas, campañas de sensibilización, talleres formativos ou actividades con colexios e institutos.

Outra das liñas de traballo do centro será impulsar grupos de apoio para que persoas con diversidade sexual e as súas familias poidan recibir orientación en temas específicos. Un dos primeiros, sinalou Ada Otero, podería ser un grupo para familias con menores trans.

Fronte a este proxecto, que ambas cualificaron como "pioneiro e moi necesario", a súa coordinadora sinalou que "o máis parecido que tiñamos ao CIDES en Galicia é o Observatorio da Coruña, pero simplemente se adica a facer unha diagnose da LGTBIfobia e de casos de agresións e non aporta ningún tipo de asesoramento".

Este novo centro está aberto desde o pasado mes de febreiro. Atende ao público as tardes dos mércores, xoves e venres en horario de 16:30 a 20:30 horas e, a través do teléfono, no número 676 09 73 39, ou o correo electrónico [email protected]. Ademais, o CIDES tamén ten páxina en Facebook e perfil en Instagram.