Abre o prazo para presentarse ao concurso para redactar a reforma da estación de autobuses

Pontevedra
14 de novembro 2017

As empresas interesadas na redacción do proxecto básico e de execución da reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra xa poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de novembro. A partir da súa adxudicación, terán un prazo de catro meses para executar o proxecto

Estación de autobuses Mónica Patxot

As empresas interesadas na redacción do proxecto básico e de execución da reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra xa poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de novembro. A partir da súa adxudicación, terán un prazo de catro meses para executar o proxecto.

A edición deste martes do Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación deste contrato, que conta cun orzamento de máis de 41.000 euros. Nesta ligazón ao DOG pódese ampliar a información.

O que se licita é, tal e como xa se publicou hai poucos días, a redacción do proxecto para executar a segunda fase do proxecto da intermodal de Pontevedra, que inclúe as estacións de autobuses e tren, cun investimento total próximo aos 4 millóns de euros.

Esta segunda fase prevé a  adecuación do edificio actual por un importe de 1,5 millóns de euros. Incluirá importantes accións de acondicionamento na estación como, por exemplo, a remodelación da fachada, a reparación da cuberta ou a renovación de espazos interiores.

Estas obras teñen como obxectivo a mellora integral das instalacións da terminal de autobuses para dar cobertura ás necesidades actuais, polo que tamén se optimizará o tránsito de autobuses e peóns na contorna da terminal.