Abren o prazo para inscribirse ao curso gratuíto de Limpeza Hospitalaria

Pontevedra
05 de maio 2021

A concellería de Promoción Económica e Ara Formación porán en marcha este curso que se desenvolverá entre o 18 de maio e o 9 de xuño. Constará de 90 horas de duración, entre formación teórica e práctica. O curso vai dirixido, de maneira prioritaria, a persoas desempregadas empadroadas no municipio de Pontevedra

Alumnado do curso de Carretilla Elevadora
Alumnado do curso de Carretilla Elevadora / Concello de Pontevedra

A concellería de Promoción Económica e Ara Formación abriron o prazo para inscribirse nunha actividade formativa gratuíta no apartado de Limpeza Hospitalaria. O curso realizarase entre o 18 de maio e o 9 de xuño, en horario de 09.30 a 13.00 horas de luns a venres. O tempo lectivo será de 90 horas, repartido en 50 teóricas e 40 prácticas en empresa. Os destinatarios serán persoas desempregadas empadroadas no municipio.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, lembra que para inscribirse debe enviarse un correo electrónico a [email protected], indicando en asunto 'Ref: Limpeza Hospitalaria'. Deberán figurar os datos persoais con teléfono e correo electrónico de contacto, ademais da antigüidade nas listas de paro.

Durante o curso analizaranse, entre outros temas, sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións ou cristais; ademais de revisar os produtos químicos que se empregan e as medidas de seguridade e hixiene; infección nosocomial (ou intrahospitalaria) analizando a súa prevención; a relación cos pacientes; recollida e eliminación de residuos sanitarios; lexislación; listaxe de enfermidades infecciosas ou prevención de riscos laborais na limpeza de centros hospitalarios.

A concellería ten previsto nesta fase de actividades formativas convocar outro curso sobre Limpeza en Aloxamentos Turísticos, con outras 90 horas de formación. Anteriormente desenvolveuse o de Operador de Carretillas Elevadoras que contou coa participación de 14 alumnos e contémplase a realización de máis cursos sobre esta temática no futuro.