Ábrese a gran carpa da Alameda de Ponte Caldelas para acoller a Festa da Troita

Ponte Caldelas
28 de maio 2016

O prato forte do programa da Festa da Troita chega este domingo coa inauguración da escultura de Ortiz, coa que se conmemoran os 50 anos deste evento

Degustación itinerante de troitas en Ponte Caldelas
Degustación itinerante de troitas en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Este sábado desde as 19.00 horas atópase aberta a carpa que alberga as casetas de degustación da troita na Alameda de Ponte Caldeas. A estrutura permite que se celebre a Festa da Troita e a verbena coa orquestra Gran Parada.

A carpa cobre toda a Alameda xa que se trata dunha cuberta de 10x250 metros, contratada polo goberno local. Tamén se acometeu unha drenaxe perimetral para manter o chan o máis seco posible ante os chuvascos. No caso de que se detecte o menor risco, por exemplo se se produce unha tormenta eléctrica, a verbena será inmediatamente suspendida para evitar riscos innecesarios.

O prato forte do programa da Festa da Troita chega este domingo coa inauguración da escultura de Ortiz, coa que se conmemoran os 50 anos deste evento. Está previsto que asistan os alcaldes da historia de Ponte Caldelas, a corporación municipal e outras autoridades da provincia.