O Concello de Ponte Caldelas abriu este luns 2 de xuño o prazo para que particulares e colectivos comuniquen a súa intención de organizar fogueiras con motivo das festas de San Xoán e San Pedro, que se celebran os días 24 e 29 de xuño respectivamente.
Segundo informan dende o consistorio, as persoas interesadas en prender unha fogueira nalgunha destas datas festivas poderán solicitar a autorización necesaria ata o mércores 18 de xuño.
Os trámites poden realizarse presencialmente nas oficinas municipais ou a través da Sede Electrónica do Concello.
Esta tradición, vinculada á celebración do solsticio de verán, mantense con forza no municipio pontevedrés, como demostra o elevado número de solicitudes rexistradas o pasado ano. En 2024, o Concello autorizou un total de 84 fogueiras.
Como medida de seguridade, o Concello despregará, como xa fixo en edicións anteriores, un dispositivo especial durante as noites de celebración.
En 2024, o coche bomba municipal e dous operarios permaneceron de garda durante toda a noite para garantir que as celebracións se desenvolvan sen incidentes.
Dende o goberno local animan a cidadanía a participar nesta tradición tan arraigada no calendario festivo galego, pero sempre cumprindo cos requisitos establecidos para garantir a seguridade.