Absolto por non acreditarse que as drogas que portaba estivesen destinadas á venda

Umia
21 de maio 2025
Actualizado: 18:01

Axentes da Garda Civil localizaron en posesión do acusado 21,8 gramos de MDMA e 1,7 de cocaína, así como 2.900 euros en efectivo

Audiencia de Pontevedra
Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a un acusado de traficar con droga.

As maxistradas resolveron que "non consta acreditado que as substancias intervidas estivesen destinadas á venda ou distribución a terceiros nin que os cartos intervidos procedesen da devandita actividade".

Axentes da Garda Civil interceptaron o coche no que viaxaba o sospeitoso na entrada da AP-9, no termo municipal de Caldas de Reis, cando realizaban un control preventivo.

Nun neceser, os funcionarios localizaron 21,8 gramos de MDMA e 1,7 de cocaína, así como 2.900 euros en efectivo.

A Sala indica que se valora a pureza da droga intervida (dun 10 % e un 76 %, respectivamente), así como o feito de que se atopaba no interior do neceser "en forma de polvo".

Tamén que "non se atopou báscula nin elemento algún que permitise pesala para a súa posterior venda ou distribución con coñecemento da cantidade".

Os maxistrados indican que a iso se une a valoración do diñeiro intervido, pois, de acordo coa documental achegada, o acusado encontrábase pasando uns días fóra do lugar de residencia, con terceiras persoas e facéndose cargo dos gastos.

O tribunal salienta que "a valoración dos indicios derivados da proba practicada" non lle permiten "alcanzar a certeza, sen xénero de dúbida, de que as substancias intervidas ao acusado estivesen preordenadas ao tráfico ou distribución".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora