Tres persoas foron detidas acusadas de formar parte dunha rede que se dedicaba ao tráfico de cocaína mediante vehículos "caleteados".
A xuíza do xulgado de instrucción número 2 de Pontevedra decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dun dos detidos.
As outras dúas persoas que pasaron hoxe a disposición xudicial -un home e unha muller- foron postas en liberdade.
Como medidas cautelares, impúxoselles a obrigación de comparecer cada quince días no xulgado, a retirada do pasaporte e a prohibición de abandonar o territorio nacional.
Todos están investigados por un delito de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e por un delito de branqueo de capitais.
Neste operativo participaron funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e axentes da Policía Nacional que, ademais das tres detencións, interviñeron 23 quilos de cocaína.
Segundo informaron fontes oficiais, practicáronse tres rexistros, incluído o "piso de seguridade" que a organización mantiña en Vilagarcía de Arousa para ocultar a droga ata a súa distribución.
A operación comezou a mediados do 2024 cando as autoridades souberon da existencia dun grupo que estaría a distribuír importantes cantidades de cocaína a distintas localidades da península, utilizando para iso vehículos preparados con habitáculos ocultos.
Desta forma, funcionarios de ambos os corpos iniciaron traballos de vixilancia e seguimento sobre o principal investigado, que lles levaron por diferentes puntos da península.
Os investigadores pronto puideron reunir un importante volume de indicios que apuntaban dunha forma clara a que eses desprazamentos terían como único fin o transporte de sustancia estupefaciente, para prover a distribuidores menores de cocaína situados en distintos puntos do país.
Durante a investigación, e grazas ás vixilancias desenvolvidas, púidose identificar a outros membros do grupo, ademais de descubrirse un "piso de seguridade" que a organización mantiña en Vilagarcía de Arousa para a ocultación da substancia, previa á súa distribución.

O 13 de maio, os investigadores detectaron unha viaxe do principal investigado e a súa parella ata a localidade coruñesa de Bergondo, lugar onde se dispoñían a entregar unha partida de cocaína.
Os axentes procederon a interceptar o vehículo no que viaxaban os investigados, localizando un compartimento oculto na zona do van motor onde a parella escondía tres quilos de cocaína. Nese momento e en base a esa aprehensión, procedeuse á detención dos dous suxeitos.
De forma inmediata, despregouse un novo dispositivo procedendo á detención dun terceiro investigado, un veciño de Pontevedra con antecedentes neste tipo delituoso e que se atoparía nun chanzo superior na cadea xerárquica da organización criminal.
O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra, que dirixiu a investigación, autorizou á entrada e rexistro en tres inmobles da provincia relacionados coa organización.
Para asegurar a entrada no "piso de seguridade" da organización foi necesaria a intervención da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional da Comisaría da Policía Nacional de Vigo. No rexistro do mesmo foron intervidos 20 quilos máis de cocaína.
Tamén se interviñeron unha máquina de contar billetes, útiles para o envasado e distribución da droga, outros efectos como a intervención de dous vehículos que a organización empregaba nos seus desprazamentos e 3.500 euros en efectivo.
A operación continúa aberta e non se descarta que poidan producirse novas detencións.