Policía Local e Garda Civil reforzarán este verán a súa colaboración en Sanxenxo

Sanxenxo
14 de maio 2025

Xunto ao dispositivo de seguridade e mobilidade, tamén se abordaron os eventos previstos este verán e onde se prevé unha importante afluencia de persoas

Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo
Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo / PontevedraViva

O Concello de Sanxenxo celebrou este mércores unha Xunta Local de Seguridade, "moi produtiva", segundo valorou o alcalde Telmo Martín.

"Quedou claro que é necesario coordinar a diversión e o descanso para seguir sendo un destino líder no norte de España", resumiu o rexedor en contido desta reunión.

Nela abordáronse, entre outras cuestións, o dispositivo de seguridade para a campaña estival, así como os reforzos nos distintos corpos durante os meses de xullo e agosto, cando o municipio incrementa de forma notable a súa poboación.

Tamén se analizaron os eventos previstos este verán e onde se prevé unha importante afluencia de persoas como o concerto de Juan Luis Guerra, a concentración de motos ou o medio maratón deste fin de semana, así como os concertos da Costa Feira e as festas patronais, entre outros.

Durante a xunta destacouse a baixada de delitos penais en Sanxenxo durante 2024, ano do que polo momento se dispón de cifras pechas, nun 12,15%.

O alcalde destacou tras a reunión "a boa disposición a colaborar para que Sanxenxo continúe sendo un municipio seguro durante o verán cando quintuplicamos a poboación é unha prioridade".

Pola súa banda, Losada atribuíu a la colaboración institucional ser a "clave" para que esas cifras de delitos sigan en descenso e destacou o "compromiso total" do Concello de Sanxenxo na loita contra a violencia de xénero.

Xunta local de seguridade en Sanxenxo
Xunta local de seguridade en Sanxenxo   Concello de Sanxenxo

Á reunión, que estivo copresidida polo alcalde, Telmo Martín, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, tamén asistiron a secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, Mabel Alonso; ou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez.

O coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; o inspector xefe da Policía Local de Sanxenxo, José Manuel Duarte; o xefe provincial da Unidade da Policía Autonómica, Diego González; o xefe do subsector de Tráfico, Miguel Martínez Suárez; o tenente da Garda Civil de Sanxenxo David Martín e a policía local Luisa Fariña, completaron os asistentes.