Absolven a Charo Lorenzo e Gómez Rivera na causa por despedir tres traballadores da Cámara por represalias

Pontevedra
20 de outubro 2017

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra decidiu aplicar a regra do 'in dubio pro reo' no caso que sentou no banco dos acusados ao ex presidente e a ex secretaria da extinta cámara pontevedresa. Afecta este principio ao delito contra a  administración de xustiza e absólvelles tamén por prevaricación porque "non concorren os requisitos do delito"

Charo Lorenzo, á saída dos xulgados da Parda
Charo Lorenzo, á saída dos xulgados da Parda / Mónica Patxot

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra decidiu aplicar a regra do 'in dubio pro reo' no caso que sentou no banco dos acusados ao ex presidente da extinta Cámara de Comercio de Pontevedra Antonio Gómez Rivera e a ex secretaria na súa mesma etapa, Charo Lorenzo Pontevedra.

Estaban acusados pola Fiscalía por presuntamente despedir a tres traballadores da Cámara por represalias, por dous delitos: prevaricación e contra a administración de Xustiza. Do primeiro, o xuíz considera que non existe tal delito. No segundo, ten dúbidas e opta pola opción máis beneficiosa para os acusados, como marca a lei. 

O xuíz, Juan José Trashorras García, considera que existen indicios de que si os despediron por represalias, pero outros contraindicios de que non. Ante a dúbida, mantén que debe absolver os dous acusados do delito contra a administración de xustiza. A regra do 'in dubio pro reo' sostén que a dúbida sobre os feitos non pode ser resolta pr o tribunal aceptando a posibilidade menos favorable para o acusado. 

O xuíz expón unha pregunta: "respondeu a extinción dos contratos [...] a unha vinganza, represalia ou interese en prexudicalos por parte do presidente e da secretaria xeral da Cámara por mor de denunciar no seu día a esta útlima con motivo dunhas prácticas irregulares que terminaron na súa condena como autora dun delito de suborno e outro de negocaiciones prohibidas a funcionarios?".

Xusto despois, dá a súa resposta, que sustenta a absolución: "É posible, pero tamén o é que [...] o acordo extintivo fose debido exclusivamente a razóns económicas derivadas da situación en que se ían a atopar as cámaras de comercio en xeral e a de Pontevedra en particular con motivo da supresión do recurso cameral". 

A acusación da Fiscalía baseábase, entre outras circunstancias, en que os tres foron despedidos tras denunciaro a Charo Lorenzo ante a Fiscalía por actuacións relacionadas coa oficina de Brasil polas que finalmente Charo Lorenzo foi condenada coa súa conformidade polos presuntos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno. Denunciaron os tres, entre eles o ex vicesecretario da entidade, Augusto Aláez, e un cuarto empregado, pero este non foi despedido por ser delegado sindical da entidade, a extinta Cámara pontevedresa, hoxe Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. 

O xuíz respóndelle que "non consta acreditado" que a decisión de extinguir os seus contratos de traballo fose adoptada por vinganza e absólveos do delito contra a administración de xustiza baseándose no 'in dubio pro reo'. No caso da outra acusación do Fiscal, por un delito de prevaricación, argumenta que "non concorren os requisitos do delito".