Volveuno a facer. O presidente da asociación micolóxica de Pontevedra O Bioco, Juan Castiñeira, propietario do restaurante viñoteca O Bioco, fixo outro espectacular achado. É unha Ganoderma Resinaceum, isto é un fungo que crece na madeira, que supera os oito quilos de peso.
Foi localizado na zona de Bora, coas primeiras luces do día deste sábado.
Estes exemplares poden chegar a pesar os trinta quilos, pero non son frecuentes. Calcúlase que se atopa 1 en cada 50.000 árbores.
Foi atopado polo propio Castiñeira xunto ao seu amigo Juan Castela.
Trátase dunha especie que parasita árbores e neste caso a vítima foi un carballo americano.
O fungo ten propiedades medicinais. O ácido ganodérico que posúe é especialmente beneficioso para tratar diferentes doenzas. Non se cociña, senón que se moe e disólvese en distintas bebidas e infusións, que é o destino que se lle dará en O Bioco.