Achan un puñal nas excavacións da Lanzada

Pontevedra
30 de novembro 2016

O equipo de especialistas da Deputación formula na actualidade dúas posibilidades sobre o artefacto: ou ben que sexa un puñal de antenas de tipo Lebosandaus, moi común na Idade de Ferro en Galicia e na Meseta, ou ben que sexa un puñal da Idade do Bronce final de tipo chipriota

Puñal localizado no xacemento da Lanzada
Puñal localizado no xacemento da Lanzada / Deputación de Pontevedra

As escavacións que a Deputación de Pontevedra está a realizar na Lanzada permitiron localizar un puñal que podería pertencer ó século IV a.C ou mesmo a un período anterior. Apareceu con artefactos do século II A.C. pese a que é moi anterior a ese século,

Segundo informou a Deputación, o equipo de especialistas da institución provincial formula na actualidade dúas posibilidades sobre o artefacto: ou ben que sexa un puñal de antenas de tipo Lebosandaus, moi común na Idade de Ferro en Galicia e na Meseta, ou ben que sexa un puñal da Idade do Bronce final de tipo chipriota.

Os especialistas aseguran que a situación do puñal é unha novidade. Se ben nos anos 70 do século pasado apareceron xa dous puñais asociados a cabanas, neste caso o achado tivo lugar nun espazo alleo ás residencias. De feito, cren que ese puñal era unha especie de reliquia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por este último achado que confirma as expectativas formuladas no inicio respecto deste xacemento e avanzou que os traballos no campo da Lanzada continuarán ata o mes de xaneiro debido aos materiais que están a aparecer a diario no xacemento.

Desde o comezo da intervención na Lanzada atopáronse 15 esqueletos, varias fíbulas e restos de media ducia de 'sigilitas' gravadas que poñen de manifesto a orientación comercial do asentamento da Lanzada. Atopáronse restos situados entre a Idade de Bronce e do Ferro, tamén achados de cabanas de madeira do século VI a.C., construcións de mampostería de plantas circulares e anguladas, así como restos de edificacións de plantas complexas (século II-III d.C.), dunha necrópole dos séculos III-IV d.C. ou dunha fortificación para a defensa da costa contra as invasións normandas do século X d.C.