Acondicionan as zonas verdes da nova senda da PO-308 entre Portonovo e A Lanzada

Sanxenxo
14 de abril 2021

O Concello de Sanxenxo asumirá ao remate das obras da Xunta o mantemento destas novas zonas axardinadas, nas que se invisten preto de 95.000 euros

Traballos de axardinamento na senda da PO-308
Traballos de axardinamento na senda da PO-308 / Xunta de Galicia

A senda peonil pola PO-308, entre Portonovo e A Lanzada, contará cunha banda axardinada con plantas de cores branco e azul. Os traballos para este acondicionamento xa comezaron.

Esta actuación está a realizarse aproveitando as tarefas de mantemento que se están a executar nas marxes das estradas autonómicas na provincia, segundo informou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Para efectuar estes labores, realízanse de xeito previo o compactado do terreo das zonas axardinadas, o aporte e estendido de terra vexetal e a revexetación por hidrosembra con mestura de sementes herbáceas.

O Concello de Sanxenxo asumirá ao remate das obras da Xunta o mantemento destas novas zonas axardinadas, nas que se invisten preto de 95.000 euros.